Luar na Lubre
Luar na Lubre - 30 Aniversario
Historia Os pasos de Luar na Lubre

O Grupo

No ano 1986 nace LUAR NA LUBRE na cidade de A Coruña converténdose co paso dos anos e o seu teimoso traballo nunha das formacións máis prometedoras e referenciais da música feita na Galiza.

O traballo que desenrola a banda está enfocado dende a óptica de entender que a música é un dos factores culturais máis importantes para a afirmación do dereito á diferenza enriquecedora do pobo galego. O grupo pretende que na Galiza predomine a súa cultura aínda que non rexeita influenzas que melloren a súa proposta sen deturpar o carácter central do seu proxecto.

O proxecto baséase fundamentalmente nas músicas de raíces galegas polo que dedican especial atención ao estudo dos cancioneiros galegos así como ao traballo de campo que lles proporciona un fondo coñecemento sobre a realidade musical galega que tamén se revela determinante nas composicións propias.

Concertos e Mike Oldfield

Con Mike Oldfield

LUAR NA LUBRE é hoxe en día a banda máis internacional da Galiza así pois dende Palestina a Canadá e dende Arxentina a Alemaña levan percorrido parte do planeta levando a cultura e a música da nosa terra a través da súa proposta.

No ano 1992 coñeceron ao músico británico Mike Oldfield para o cal ofreceron un concerto privado nunha coñecida sala de concertos coruñesa. Dese improvisado concerto saiu unha amizade que aínda perdura e que se traduciu nunha relación que levou a Mike a facer unha versión de "O SON DO AR" composición de Bieito Romero, un dos temas máis emblemáticos de Luar Na Lubre e título do que no 1988 foi o seu primeiro L.P. Mike incluíuno no seu C.D. "Voyager" (1996) como tema 1.

Isto foi determinante na carreira de Luar Na Lubre sendo un gran impulso á súa proposta que medrou cando o propio Mike os convidou no 1999 a realizar a xira "Then & Now" por diferentes cidades do estado con grande éxito e confirmándose como grupo "revelación".


Recoñecementos e premios

Con Donal Lunny

O grupo leva vendidas máis de 300.000 copias dos seus traballos, sendo "Plenilunio" e "Cabo do mundo" discos de ouro consecutivos por superar as 50.000 copias vendidas.

Entre os premios e os recoñecementos recibidos destacamos os seguintes:

  • Premio Ideal ao mellor grupo de folk da Galiza outorgado polo diario "El ideal Gallego"
  • 2 premios Luar outorgados polo programa "LUAR" da TVG pola mellor traxectoria profesional e polo mellor tema galego.
  • 9 premios da música concedidos pola SGAE e pola "Academia de las artes y las ciencias de la música"
                     - 1 por Mellor Canción Novas músicas por "Tu Gitana".
                     - 1 por mellor álbum de Novas músicas por "Cabo do Mundo".
                     - 5 por mellor canción en galego:
                        - "Chove en Santiago"
                        - "Camariñas"
                        - "Devanceiros"
                        - "Hai un paraiso"
                        - "Canto de andar"
  • Premio á promoción cultural da cidade da Coruña outorgado pola Comisión de fogueiras de San Xoán.
  • Premio de Audiovisuais galegas "Mestre Mateo" pola música do seu D.V.D "Un bosque de músicas".
  • 2 por mellor álbum de música tradicional por "Camiños da fin da terra" e "Ao vivo"

Historia recente

Entre as xiras por Galiza, España e mundo, no ano 2004 e dirixida por Ignacio Vilar, LUAR NA LUBRE gravou o seu primeiro DVD onde se recolle parte da súa traxectoria e vivencias. Unha experiencia magnífica onde se combinan as paisaxes do noso país, a música do grupo e as anécdotas persoais de cada un dos seus membros. 

Tras a estela de Ana Espinosa e Rosa Cedrón, no ano 2005 chegou a doce e persoal voz da lisboeta Sara Vidal, que confirmou un aporte de frescura e nitidez á esta etapa da banda; coa que gravou 4 CDs como vocalista: “Saudade”, un canto á emigración no que contan, entre outras, coas colaboracións de Pablo Milanés, Lila Downs, Adriana Varela ou Emilio Cao; “Camiños da fin da terra” (2007), percorrido musical polos camiños dos confíns do mundo, co que acadaron o recoñecemento a Mellor Álbum Tradicional e Mellor Canción en Galego (con Canto de Andar) dos Premios de La música 2018;  "Ao vivo", un directo gravado en CD e DVD o ano 2009 no Teatro Colón de A Coruña onde contaron coa compañía das voces de Diana Navarro, Pedro Guerra e Luz Casal, e no que inclúen tamén unha versión de El Derecho de Vivir en Paz xunto a Ismael Serrano, e "Solsticio" (2010), un disco cun son máis acústico que se mergulla na lírica medieval galega e as cantigas do rei Alfonso X, incluíndo tamén outros temas da tradición musical galega máis recente, e que conta coa colaboración de Diana Navarro, Miro Casabella, Nani Gracía e o  irlandés Pat Kilbride.

No ano 2011 Luar Na Lubre foi embaixador  musical  da súa terra  levando a marca “Galicia” polos mellores teatros e festivais do estado cun éxito máis que notable.   

A banda reemprendeu unha nova xeira na que presentou por diversos escearios a Paula Rey. Unha voz carregada de matices e de enerxía que combinada coa riqueza instrumental i estilística da banda, non deixou indiferente a ninguén.

En 2012 editan a triloxía Sons da Lubre nas Noites de Luar, que inclúe tres CDs recompilatorios e un DVD co concerto gravado en directo en Compostela en xullo do mesmo ano. Tamén no 2012 ve a luz Mar Maior, disco no que toma especial protagonismo a música medieval, e no que algúns temas fan xa referencia ao nexo de unión galego-irlandesa que aparece no Leabhar Ghabhála, o Libro das Invasións de Irlanda, escrito no século XII por monxes irlandeses. Esta primeira incursión deu lugar finalmente a un espectáculo gravado no 2014 no Palacio da Opera da Coruña: Torre de Breoghán. Nani García encargouse dos arranxos cos que a Orquestra Sinfónica de Galicia acompaña a Luar Na Lubre nunha viaxe audiovisual e narrada dende Galiza ate as costas irlandesas, e tamén na interpretación sinfónica de temas clásicos do grupo. En 2015 o grupo achégase a outras culturas, en homenaxe e agradecemento, levando ao seu terreo temas clásicos, algúns deles tamén cantados noutras linguas, como Txoria Txori, Nel campu ñacen flores ou El Rossinyol. Un ano despois celebran o seu XXX Aniversario cun recompilatorio de temas ocultos, por menos coñecidos, nun CD no que tamén reinterpretan algúns temas dos seus primeiros discos, como é o caso de Dun Tempo Para Sempre, desta volta na voz de Irene Cerqueiro, e no que rinden tributo a Emilio Cao co tema Fonte de Araño, no que colabora Ismael Serrano.

Ribeira Sacra

Este novo traballo discográfico, que tomou como punto de partida unha labor etnográfica e de recolleita de testemuñas e sons ambientais conformando unha banda sonora humana e natural da Ribeira Sacra, ten como obxectivo poñer en valor a través da música a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental deste territorio.

Ribeira Sacra comezou a xestarse no Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos, Ourense), coincidindo coa vaga de lumes que no outono de 2018 fixeron estragos en Galiza, o que marcou e deixou pegada neste traballo, que recolle tamén nas letras feitos e personaxes históricos, como Romasanta, e de lenda, como os Felos de Maceda e Esgos, de fonda tradición etnográfica no entroido, ademais de textos en barrallete, a linguaxe dos afiadores.

Conta, ademáis, con ducias de colaboradores que achegan o seu grao de area ás 26 cancións deste disco: desde Víctor Manuel ata SES, pasando pola Coral de Ruada, Nani García, a asturiana Marisa Valle Roso,  Juan A. Antepazo de Astarot, Irma Macías Suárez, Brais Maceiras, entre outros moitos. Estes dous últimos, Irma (voz) e Brais (acordeón), embárcanse con Ribeira Sacra nunha xira de máis de 80 concertos, espallando a música, o idioma e a cultura galega en diferentes lugares de toda Europa e América Latina.

Aviso legal © by Abertal